O Plan de Acción Titorial (PAT) da Facultade de Ciencias recolle un conxunto de actuacións destinadas a favorecer a integración do alumnado na vida universitaria e atender as súas necesidades formativas e/o informativas.

Supón superar o modelo específicamente académico, só preocupado pola transmisión de coñecementos, e apostar por un modelo educativo no que conflúen ademais funcións socio educativas, baseadas en relacións recíprocas e interaccións titor/a-alumno/a, alumno/a-alumno/a etc.; apóstase, en definitiva, polo desenvolvemento persoal, ademais do académico.

Preténdese ir consolidando unha liña de acción titorial coherente coas necesidades do alumnado, que normalice as distintas accións e acade un axeitado equilibrio entre as expectativas do estudantado e os obxectivos que se expoñen no marco do Espazo Europeo de Educación superior.

O Plan de Acción Titorial apunta directamente cara á garantía e á adecuación dos métodos de ensino, aprendizaxe e avaliación, á adquisición de competencias do alumnado, á atención á diversidade, á orientación á aprendizaxe etc., recollidos dunha forma ampla tanto nas memorias dos títulos como no sistema de garantía de calidade do centro.

Plan de Acción Titorial na facultade de Ciencias

Obxectivos do PAT

O PAT da Facultade de Ciencias pretende acadar os seguintes obxectivos:

  • Establecer un sistema de información, orientación e canalización socio educativa para as alumnas e alumnos de novo ingreso mediante presentacións, reunións e unha maior implicación dos alumnos de cursos superiores e a asignación dunha persoa docente titora/coordinadora dos diferentes cursos.
  • Implantar un sistema de información para o estudantado sobre o funcionamento do centro.
  • Motivar unha participación activa do alumnado de novo ingreso nos distintos aspectos da vida universitaria.
  • Incentivar a participación en programas de mobilidade, así como noutras actividades de carácter específico ou transversal que complementan a súa formación universitaria.
  • Ampliar a información sobre as saídas profesionais relacionadas coas ensinanzas do centro.
  • Axudar o alumnado nas situacións persoais que dificulten o seu normal desenvolvemento da actividade académica.
  • Empregar o PAT como unha forma máis de obtención de datos e valoración sobre o propio desenvolvemento e mellora da calidade da titulación.
  • Facilitar e motivar ao alumnado na participación naquelas materias nas que teñan especiais dificultades persoais.